Aliboria é un colectivo de novos músicos galegos, dirixidos por Xosé Lois Romero, que reinventan os cantos e os ritmos enxebres de Galicia conxuntando as potentes voces das súas cantantes cuns novos arranxos para percusión tradicional cheos de forza, raza e terra.

As mulleres e homes que conforman Aliboria representan unha nova xeración de músicos cun coñecemento profundo do seu folclore e cunha gran calidade técnica, un equipo perfecto para que o mestre Romero dea un novo paso adiante na evolución da música popular galega, que está a vivir o seu momento máis fértil e en permanente proceso de actualización.

A música de Aliboria combina as voces ancentrais da tradición oral de Galicia coa forza e o colorismo multitímbrico da percusión tradicional, todo tinguido coa frescura e a enerxía que a xuventude dos seus membros lle aporta. Bombos, pandeiros, pandeiras, tixolas, tarrañolas, cunchas, pandeiretas, latas, tambores, sachos, perfectamente conxunguidos cos cantos, os aturuxos, os bailes e a diversión.

 

 

CONTACTO